Pedro Sánchez estreita lazos económicos con África


Reforzar os lazos comerciais e poñer coto á a inmigración. Eses eran os principais obxectivos do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, na súa mini-xira africana por Angola e Senegal. A súa intención: facer desta década «a década de España en África». O plan de España para África contén máis de 250 accións a realizar nos próximos anos para construír no continente un tecido de influencia política e económica.

En Angola, o Goberno de España asinou catro novos acordos de cooperación nas áreas de pesca, agricultura, industria e transporte aéreo. Tras reunirse co seu homólogo angoleño, João Lourenço, Sánchez recoñeceulle a súa importancia rexional e o seu compromiso na mediación para solucionar conflitos.

O Foro empresarial España-Senegal foi a súa última parada este venres en Dakar. A visita enmárcase no plan de acción Foco África 2023 que establece as relacións estratéxicas co continente nos campos económicos, de paz e estabilidade, xestión migratoria, loita contra o cambio climático ou igualdade de xénero e desenvolvemento.

África representou, de xaneiro a novembro de 2020, o 6% das exportacións españolas e o 7% das importacións. Unha cifra superior á do comercio exterior do país con América Latina (4,3% e 4,8%). Desde Senegal, Sánchez animou a todas as empresas españolas a «potenciar a súa actividade máis aló das nosas fronteiras».

En relación á pandemia, Sánchez volveu a insistir na necesidade de colaborar porque «ningún país vai saír adiante actuando en solitario». E para iso está aquí España, engadiu: «para sumar, para apoiar e para avanzar».