Acto central de precampaña do PSdeG na capital galega, que contou coa preseza de Pedro Sánchez, tamén do ex-presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño e de alcaldes socialistas das prinicipais cidades galegas. Todos eles respaldaron a candidatura de Gonzalo Caballero á presidencia do goberno autonómico. O secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno comprometeu o apoio do executivo central ao futuro dos sectores estratéxicos da economía galega.
O secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno acusou a Feijóo de facer «as políticas do PP ás escondidas» e fixo varias promesas para Galicia. Na súa intervención, Gonzalo Caballero afirmou que Galicia está «ao ralentí» e que o proxecto de Feijóo é un proxecto «esgotado». Caballero asegurou que o seu compromiso é con Galicia, que quere ser «o presidente do cambio e das solucións».
Alianza social
Neste escenario, o candidato socialista fixo un chamamento a unha “alianza social para revitalizar Galicia”. ”Fronte a un proxecto esgotado, temos que sacar adiante un proxecto de futuro; fronte a un proxecto conservador, temos un proxecto de progreso”. Defendeu unha “estratexia de país e de compromiso dende o diálogo e tamén da firmeza” mentres Feijóo sitúase como “adalid da maior estratexia de confrontación”.
