O presidente da Generalitat chamou este sábado a Moncloa, pero antes de falar con el, o presidente do Goberno en funcións quere que Torra condene de xeito rotundo a violencia, que recoñeza o traballo das forzas e corpos de seguridade e que se solidarice cos policías e mossos feridos.
Desde A Moncloa din que o problema en Cataluña non é a independencia senón «a convivencia» e que para que o diálogo sexa efectivo Quim Torra deberá, ademais, recoñecer a outra parte dos cataláns que non son independentistas.
E Quim Torra respondíalle na tarde do sábado a Pedro Sánchez cunha carta que enviaba á Moncloa e que facía pública a través de Twitter. Nela dille a Sánchez que non acepta leccións de condena e loita contra a violencia. Repróchalle que non contestase a súa chamada telefónica e que A Moncloa informara dela aos xornalistas a través de Whatsapp. Afeoulle ademais que se «negue a falar con representantes dos cataláns».
Desde o Goberno en funcións din que «sempre apostaron polo diálogo», pero primeiro está, din, o cumprimento da lei.