Pedro Sánchez | Nova prórroga do estado de alarma ata o 9 de maio, pero con alivio para nenos

Foto.- Cedida.

España estenderá o confinamento outros 15 días, ata o 9 de maio. Así o anunciou este sábado, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, que pedirá ao Congreso estender o estado de alarma, aínda que cun alivio para os nenos. Os máis pequenos poderán saír brevemente, acompañados dun adulto e con medidas de precaución, a partir do 27 de abril. “A pesar dos enormes progresos que logramos, neste momento aínda estamos na senda do cumprimento destas orientacións que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) e en consecuencia non é posible levantar as medidas xerais de confinamento e pasar á fase 2, que se coñece como desescalada”. Na súa comparecencia, Pedro Sánchez asegurou que co confinamento, os españois salvaron decenas de miles de vidas, pero dixo que os logros son insuficientes e fráxiles. E declarou que para lograr a desescalada de contaxios e mortes polo Covid-19, deben actuar con moita cautela para non dar pé a outro brote de coronavirus.