Pedro Sánchez responsabiliza ás mafias do violento salto ao valo de Melilla


O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, responsabilizou ás mafias que trafican con seres humanos da violencia no salto masivo ao valo de Melilla do venres, no que morreron polo menos 23 persoas e resultaron feridas máis dun centenar. “Se hai un responsable que de todo o que sucedeu son as mafias que trafican con seres humanos”, dixo nunha rolda de prensa tras a reunión extraordinaria do Consello de Ministros.

Sánchez cualificou o salto como “violento e organizado por parte de mafias que trafican con seres humanos a unha cidade que é territorio español”. “Foi un ataque á entidade territorial dun país de maneira violenta”, engadiu. Trasladou, ademais, a súa solidariedade e recoñecemento ás Forzas e Corpos de Seguridade de España polo traballo que realizan para protexer as fronteiras. Lembrou tamén que a xendarmería marroquí traballou “coordinadamente” coas unidades españolas para “repeler este asalto tan violento”.