Pelé, o rei do fútbol, morreu aos 82 anos de idade

O mundo do deporte en xeral e o do fútbol en particular están de loito tras o falecemento dunha das súas figuras máis míticas, para moitos o mellor futbolista de todos os tempos. Pelé levaba desde 2021 loitando contra un cancro de colon.

Edson Arantes do Nascimento segue sendo o único futbolista que levantou tres copas do mundo, gañadas en 1958, en Suecia con tan só 17 anos, en 1962 en Chile e en 1970 en México, liderando unha ‘canarinha’ moitas veces imitada pero xamais igualada.

Oficialmente, marcou 757 goles en 831 partidos ao longo dos seus 20 anos de carreira, aínda que tanto o club da súa vida, o Santos, como el mesmo, sempre defenderon que a cifra de goles superaba o milleiro.

Pelé retirouse en 1977 tras xogar tres tempadas no Cosmos de Nova York, con numerosos récords batidos que lle farían merecedor no ano 1980 do galardón de Atleta do século.

Premios e récords todos estes que non alcanzan a describir o legado que deixa o mítico 10: un fútbol nunca antes visto e sempre admirado tanto polos seus contemporáneos como polas seguintes xeracións.

Moitos futbolistas disputaron, disputan e disputarán o trono de mellor xogador da historia. Pero o certo é que sempre haberá un só rei: ‘O Rei’ Pelé.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha