Pemex e as promesas incumpridas en Vigo e Ferrol poñen en risco o naval galego


O sector galego da construción naval volve atravesar un período de incerteza, con dificultades en estaleiros da importancia de Barreras e Vulcano, en Vigo, ou Navantia, en Ferrol. As promesas incumpridas e as espectativas defraudadas volven escurecer o futuro dun ámbito laboral que nas últimas décadas viviu fases mellores e peores, pero que nunca recuperou a actividade que chegou a ter.

Hai uns meses confirmouse o fracaso da operación de Pemex, amplamente publicitada polo Goberno galego, pero que ao cabo deixou apenas a construción de dous floteis. As promesas de construción de catorce remolcadores (coa xeración de 2.500 postos de traballo) e dunha terminal de hidrocarburos no porto exterior da Coruña (cun investimento de case 60 millóns) ficaron en nada e o pasado mes de marzo a compañía mexicana anunciou a súa intención de desfacerse da súa participación no estaleiro vigués de Barreras.

Esta pasada semana Barreras celebrou un consello de administración para aprobar as contas de 2018, coas dúbidas sobre o a construción de dous cruceros para Havila. En calquera caso, semella que o adeus de Pemex é irrevogable, deixando tras de si un ronsel de promesas incumpridas e, ademais, a sombra da corrupción na persoa dalgúns dos empresarios mexicanos artífices da operación.