Pemex e Barreras, o fiasco do soño mexicano do naval galego

1 minutes read
  • Barreras, o maior estaleiro privado, asómase ao precipicio da quebra mentres México investiga os investimentos que fixo Pemex na compañía e que negociou a Xunta de Feijóo.

Na noite do 24 de maio de 2012 o Telexornal da TVG interrompeu o seu ritmo habitual para conectar co salón nobre do Pazo de Raxoi, que a Presidencia da Xunta reserva para as súas recepcións máis solemnes. As cámaras da canle pública mostraron en directo ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, rubricando documentos co daquela director xeneral da petroleira estatal mexicana Pemex, Juan José Suárez Copell. Sete anos despois, un dos emblemas daquel acordo, o estaleiro vigués Barreras, acaba de solicitar o preconcurso de acredores.

En realidade, de todos aqueles anuncios, que incluían tamén a instalación dunha base de Pemex no porto exterior da Coruña, só se concretaron dous pedidos de barcos, que acumularon fortes atrasos e problemas na súa posterior colocación no mercado. Mentres, outros dous estaleiros galegos -Freire e Armón- participaron con contratos de deseño e compoñentes para outros buques construídos en México. Foron encargos relevantes nun momento de forte crise do sector, pero cun peso moi inferior ao dos anuncios oficiais da Xunta. Os problemas financeiros de Pemex aceleraron a retirada de promesas mentres Feijóo matizaba que, en realidade, aqueles proxectos que anunciara ao vivo pola TVG nunca dependeran do Goberno galego.