Perde a vida un bombeiro de Santiago na extinción dun incendio nun autobús


Os servizos sanitarios trataron de reanimar ao traballador no punto, sen éxito. Os Bombeiros de Santiago acudiran ao lugar da Cacharela, na parroquia compostelá de San Martiño de Aríns, alertados polo 112 Galicia dun lume que se orixinara nun autobús de liña urbana sen pasaxeiros. O condutor estaba tratando de apagar o incendio, que comezaba a descontrolarse.

Os servizos de emerxencias que traballaban no punto informan de que o autobús, que aínda seguía en chamas nese momento, precipitouse cara o camión de bombeiros, deixando ao finalmente falecido entre os dous vehículos.

Dende o 112 deuse aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Namentres, os compañeiros sacárano, ferido de gravidade, e tentaron reanimalo. Outros traballadores seguían tratando de apagar as lapas que aínda quedaban acesas.

Participaron no operativo, ademais dos servizos sanitarios e os Bombeiros, a Policía Local e Protección Civil de Santiago.

“É a primeira vez que falece un bombeiro en acto de servizo nos practicamente 160 anos que leva operando o parque”, lamentou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda expresou o seu cariño á familia e aos compañeiros do finado. Nun chío, Rueda engade tamén o recoñecemento de toda Galicia a uns profesionais que todos os días arriscan a vida pola seguridade de todos. Envíalles di “forza nestes difíciles momentos”.