Perde a vida un ciclista na Coruña despois de chocar contra o portal dun edificio

1 minutes read

Un ciclista de 36 anos faleceu na tarde deste domingo tras chocar contra o portal dun edificio na Rúa Almirante Mourelle, no coruñés barrio de O Peruleiro. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polas testemuñas do suceso, a vítima perdeu o controle da bicicleta cando circulaba á altura do número 42 e acabou por bater contra a entrada dun inmoble.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso preto das 16:30 horas. Axiña, os xestores do 112 solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviaron un equipo a bordo dunha UVI móbil sen que puideran facer nada por salvar a vida do ciclista.

Para prestar apoio ao persoal sanitario e investigar as causas do suceso, desde o 112 pediuse a colaboración dos axentes da Policía Local. Igualmente, informouse aos Bombeiros da Coruña e aos efectivos de Protección Civil da cidade, por se fose necesaria a súa intervención.