Perden a vida dúas persoas en Malpica tras caer un vehículo ao mar no porto

Imaxe do porto de Malpica

Dous homes perderon a vida despois de sufrir un accidente co seu vehículo e caer ao mar na zona do peirao de Malpica de Bergantiños. O suceso tivo lugar ás 00:30 horas da madrugada deste xoves nas proximidades da lonxa e pese aos esforzos dos equipos de emerxencia desprazados ata o lugar, nada se puido facer por salvarlles a vida. Os falecidos eran dúas persoas moi coñecidas na vila, Manuel Parga Verdes de 48 anos e José Adolfo Pose Vilariño de 41. Ambos, únicos ocupantes do turismo nese momento.

De acordo coa información facilitada ao 112 Galicia polos efectivos de rescate, todo indica a que se puido tratar dun descoido, xa que o vehículo circulaba en sentido oposto e rematou somerxido a uns sete metros de profundidade.

Foron as chamadas de diversos particulares que puxeron en alerta aos xestores do 112. Segundo o relato das testemuñas do accidente, un turismo precipitarase ao mar e cabía a posibilidade de que estivera ocupado.

De inmediato, púxose en marcha un operativo que contou coa intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Carballo, dos membros do GES de Ponteceso, dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil da localidade. Tamén estiveron presentes no lugar dos feitos o alcalde de Malpica, Walter Pardo, e o concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadá, Alfredo Cañizo.

Finalmente, Tono García, un coñecido mergullador do concello, efectuou o rescate dos ocupantes do vehículo, pero, desafortunadamente, ambos os dous resultaron falecidos.

Cómpre sinalar que os equipos de emerxencia traballaron para garantir as condicións de seguridade necesarias para efectuar a recuperación do turismo afundido e, posteriormente, realizaron a limpeza e recuperación dos danos causados na zona polo accidente.

Ademais, desde o 112 Galicia tamén se puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Gardacostas de Galicia e de Salvamento Marítimo.

As bandeiras da Casa do Concello de Malpica ondean a media hasta en sinal de duelo polo tráxico suceso.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha