Seis persoas tiveron que ser trasladadas polo equipo sanitario de urxencia este domingo como consecuencia dunha colisión entre tres coches no cruce entre a AC-564 e a AC-142, ao seu paso polo concello coruñés das Pontes de García Rodríguez.
Segundo a información facilitada polos Bombeiros do Eume aos xestores do 112 Galicia, dous condutores de distintos vehículos e outros catro ocupantes dun terceiro turismo, entre eles dous menores, resultaron feridos. Ademais, a raíz do accidente, un can, que se atopaba no interior dun dos coches no momento do choque, pereceu.
Unha persoa particular deu a voz de alarma que permitiu a mobilización dos equipos de emerxencia por parte do 112.
Así, para prestar auxilio aos ocupantes dos turismos e restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitouse a intervención dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros do Eume, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.
Cómpre indicar que a colaboración do persoal de mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas foi fundamental para coordinar a retirada dos vehículos sinistrados, así como para realizar as tarefas de limpeza da estrada.