Foi a primeira etapa da peregrinación a Compostela seguindo o trazado do Camiño a Santiago pola Ría da Estrela. Unha iniciativa organizada polo Club de Xubilados de Lousame para conmemorar o Ano Xacobeo.
Os participantes saíron a primeira hora da mañá deste martes da praza do Concello de Lousame. A expedición foi guiada polo técnico municipal de Deportes, Germán Romero, quen contou coa colaboración do presidente do Club de Xubilados de Lousame, Francisco Avelino García Nieto, entre outros. Tamén estivo acompañado polo técnico municipal de Voluntariado xunto de dúas voluntarias europeas.
Durante a andaina, que discorreu en gran parte polas beiras dos ríos Vilacoba e San Xusto, a expedición fixo varias paradas en lugares como a papeleira de Fontán (o Castro) ou o mosteiro de Toxosoutos, durante as cales Mayte Sobradelo, licenciada en historia e técnica municipal de Lousame, aproveitou para poñer en valor estes elementos do patrimonio lousamiá.
A segunda etapa terá lugar este domingo 9 de outubro, entre San Xusto de Toxosoutos e Urdilde con traslado en autobús ao inicio e fin de cada andaina. A participación é totalmente de balde e está aberta tamén a veciños e veciñas que non sexan xubilados nin integrantes do club. Iso si, é imprescindible anotarse no Club de Xubilados de Lousame: 653 221 655. A terceira e derradeira etapa terá lugar o domingo 23 de outubro, entre Urdilde e a Catedral, seguindo o trazado do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia.