Pérez Añón renuncia á alcaldía de Laxe por motivos de saúde | Francisco Charlín ocupará o cargo

José Luís Pérez Añón.

O alcalde de Laxe, José Luís Pérez Añón, anunciou que deixa a Alcaldía e o seu cargo de concelleiro por motivos específicos de saúde e consello médico.

Nun escrito presentado este mércores, 21 de febreiro, Pérez Añón deu a coñecer a súa decisión, un paso que define como moi difícil polo “valor incalculable” que ten o traballo diario e as “inquietudes profesionais” que xorden ao fronte do Concello. Con todo, trátase dunha medida tomada tras unha profunda reflexión e que será “a correcta tanto para o meu benestar como para o do Concello de Laxe”, indica.

Pérez Añón foi electo nas dúas últimas eleccións municipais para presidir a Alcaldía, o que lle permitiu, tal e como asegura no comunicado, “aportar o meu modesto esforzo para favorecer a convivencia e o desenvolvemento deste Concello”. Aproveitou a ocasión, ademais, para agradecer á veciñanza pola “confianza” depositada no seu traballo nestes últimos anos.

O rexedor comezou o seu primeiro mandato no ano 2019, cunha ampla maioría absoluta que reeditou nos pasados comicios electorais, confirmando a confianza da veciñanza no seu proxecto.

Sinala que foi “un pracer e orgullo” representar a Laxe e agradece o traballo e o mérito de cada un dos compañeiros e compañeiras de goberno, así como ao resto de integrantes da súa candidatura, “que se mantiveron en todo momento ao meu lado, sempre coa mellor das disposicións para cooperar e traballar no proxecto político que entre todos levamos a cabo”. Estendeu os agradecementos a “todos os traballadores municipais” polo seu esforzo e empeño, así como pola súa capacidade “para traballar en equipo”.

Durante estes case 5 anos como Alcalde, segundo indicou, “centreime en mellorar o día a día da nosa veciñanza a través de servizos públicos de calidade e infraestruturas que melloraran o día a día das persoas”.

Pérez Añón finaliza así a súa etapa á fronte do Concello de Laxe e afirma que deixa o cargo para poder “dedicarlle máis tempo á familia e a todos os meus seres queridos no día a día”.

Comunicado do PP provincial

A dirección do Partido Popular na provincia da Coruña encabezada polo seu presidente, Diego Calvo, destacou o traballo e o compromiso mostrado por José Luis Pérez Añón durante os seus anos como militante e alcalde do Partido Popular, e asegurou que co seu labor conseguiu que “Laxe sexa hoxe un lugar mellor que cando tomou posesión do seu cargo no ano 2019”.

Rodeado dun gran equipo, Calvo mostrouse “seguro” de que, a pesar de a marcha de Pérez Añón, a quen lle desexou que “goce da vida como non o puido facer ata o de agora e que empece a pensar máis en si mesmo que nos demais tras moitos anos ao servizo público”, Laxe queda nas boas mans do ata o de agora tenente alcalde Francisco Charlín Oróns.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha