Perfecto Calviño conseguía esta fin de semana no circuíto Antonio Vadillo de Miranda de Ebro (Burgos), onde se disputaba a penúltima proba do Campionato de España, o seu sétimo título na División 1 ao lograr a súa quinta vitoria da tempada co Ford Fiesta Proto, o que lle permitía sumar os puntos necesarios para chegar á derradeira carreira no Cerro Negro de Talavera de la Reina (Toledo) como campión. Ademais, Calviño suma tres campionatos máis na súa brillante traxectoria, un en Car Cross e outros dous en Monoprazas e Turismos, polo que iguala ao histórico Salvador Fugardo, sendo os dous pilotos que conseguiron máis títulos na historia do certame. Ademais na División 1 a alegría era dobre pois Javier Benito, que por primeira vez participaba co Peugeot 208 Proto que tamén pilota habitualmente Calviño e co que se situaba nunha magnífica terceira praza.
Non era este o único título que lograba o equipo Yacar Racing, xa que Antonio Herrerías grazas á súa terceira posición en Car Cross Júnior se proclamaba campión nunha final onde Tommy Pintos estreaba o seu palmarés na categoría, ao gañar por primeira vez na tempada do seu debut cos Yacarcross e na que tamén destacaba Sergi Pérez ao concluír cuarto.
Si terá que agardar a resolución do campionato en Car Cross Promoción, onde a pesar de que Daniel Remuiñán gañaba as tres mangas clasificatorias, na final só podía ser segundo, aínda que mantén as opcións para ser campión na derradeira cita do Cerro Negro. Máis complicado o terá Diego Pandelo, quinto en Miranda de Ebro.
Tamén haberá posibilidades, aínda que moi remotas, de que un Yacarcross poida conseguir o título en Car Cross con Javier Ramilo grazas á súa sétima praza na final A, ocupando o terceiro lugar na clasificación provisional. En Miranda de Ebro tamén estivo Darío Calviño, que quedaba na final B, mentres outro dos habituais do equipo, Óscar Palomo, non podía participar ao atoparse competindo en Portugal na Peugeot Rally Cup Ibérica, onde lograba unha brillante sexta praza.