Persoal da CRTVG cumpre 88 semanas de protesta


88 semanas leva boa parte do persoal da CRTVG mobilizándose contra a manipulación, polo cumprimento da lei de medios e pola mellora dos medios públicos en Galicia. Este pasado venres, Defende A Galega, colectivo que organiza as protestas, reivindica “unha tele e unha radio que integren todas as audiencias: as do rural, as das cidades, as do interior, as da costa” e que estean “abertas á sociedade e se preocupen dos verdadeiros problemas dos cidadáns”. Fontes do persoal dos medios públicos recoñece que o “control” sobre as informacións aumenta en casos como o de recoller a opinión da veciñanza ou da oposición en conflitos sanitarios como o do peche do paridoiro de Verín, por afectar a Xunta.