O persoal movilizado no 76 venres negro da CRTVG denuncia o «apagón informativo» que, segundo din, impón a corporación na campaña electoral que deu comezo este sábado. Defende A Galega, colectivo que impulsa as protestas contra a manipulación informativa e pola creación do Consello de Informativos, uniuse ás queixas da oposición contra a compañía por «volver programar o único debate electoral ás 10 da mañá». «Iso non é servizo público, é un apagón informativo», denuncian os traballadores e traballadoras que levan case ano e medio de mobilizacións en negro cada semana e que volveron deixar claras as súas reivindicacións nas redes sociais baixo o cancelo #VenresNegro76CRTVG, con fotografías outra vez de ducias de profesionais vestidos de loito.
Noela Blanco, deputada do PSdeG, foi contundente na última comisión parlamentaria de control. “Canto menos se fale das eleccións, mellor; canto menos se trate, mellor porque non lles interesa a participación”, espetoulle ao director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, que reclama sempre que non se inclúa nas protestas a todos os profesionais da corporación e que denunciou que os deputados empreguen as súas intervencións polo «inicio da campaña». A deputada Blanco, en resposta, cualificou de «campaña» permanente a que a CRTVG estaría facendo a prol do PP. “Meten cun funil todo o que manden desde San Caetano porque todo é campaña. Todo ao servizo do PP, en campaña e fóra dela”, engadiu a parlamentaria socialista, que cualificou de “escandalosa” a cobertura electoral, en referencia á supresión das entrevistas na TVG, a emisión da pegada de carteis na G2 ou o feito de emitir ese único debate nun horario de escasa audiencia.