Denuncias de inxerencias políticas en contidos informativos coma os datos da inflación -que a dirección nega- ou de traslados de profesionais entre medios da corporación a modo de represalia -que a dirección rexeita- son algúns dos últimos episodios do conflito que segue a ferver na CRTVG. Un conflito que, camiño dos 250 venres negros da plataforma Defende a Galega, terá o seu vindeiro fito o 6 de marzo, cunha nova convocatoria de folga.
Algúns medios confirman que as asembleas celebradas polo persoal este pasado mércores aprobaron o inicio «dun calendario de mobilizacións» ao abeiro da súa representación sindical -o comité intercentros e demais órganos- que comezará cun chamamento a unha folga de 24 horas para ese día 6 de marzo. Esa mobilización, afirman, será a primeira dun calendario máis amplo e que, ilustran, «irá a máis».
Encadran estas novas mobilizacións nun clima de tensión crecente que tivo unha nova mostra este mesmo xoves, cando representantes do comité intercentros interpelaron directamente na sede da CRTVG en San Marcos (Santiago) a membros do consello de administración, máximo órgano de dirección da corporación, presidido por tempo ilimitado polo director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo. «Non podemos máis» foi o resumo da advertencia lanzada.
En imaxes divulgadas polo propio comité intercentros é posible observar como, en presenza das integrantes do consello designadas por BNG e PSdeG, Carme Vidal e Irene Viña, en cando menos tamén ante unha das representantes do PP, Margarita López, representantes do persoal as instan a «facer o que ata agora non se fixo» para «mudar» a situación. «Facede o que debades, o que saibades e vos deixen para botarnos unha man e rescatar o servizo público» porque, advirten, «imos a un enfrontamento total e lexítimo», máis aínda despois das remudas de persoal entre postos da TVG, da Radio Galega e do sitio web dos medios públicos que, afirman, non responden a motivos produtivos.