Un grupo de traballadores de Ence e empresas auxiliares protagonizaron este xoves un escrache ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, contrario á permanencia da fábrica que a pasteira ten na cidade. Fernández Lores e membros do seu equipo abandonaron o Concello escoltados pola Policía Local, insultáronlles mentres saían e golpeáronlle o coche. Acto seguido o alcalde e o portavoz municipal do PSOE, Tino Fernández, compareceron en conferencia de prensa para denunciar a «ocupación» do Concello por parte dos manifestantes. «Non viñan concentrarse senón que viñan directamente a agredir verbalmente e mesmo fisicamente ás persoas que alí estabamos», sinalou o rexedor, quen recoñeceu ver en perigo a súa integridade física.