Persoal encargado da tenda Arenal, situada na céntrica rúa Vázquez de Parga de Carballo, deu a voz de alarma tras sufrir un furto de varias fragrancias por parte dun mozo que simulaba ser cliente e que se deu rapidamente á fuga á carreira tras realizar a falcatruada. Traballadoras da propia tenda non se amedrentaron e tamén á carreira saíron na súa persecución, á vez que se poñían en contacto co posto da Policía Local para informar do suceso. O mozo tentou a fuxida polas rúas Concepción Arenal, Valle Inclán, Rosalía de Castro, Pintor Luís Seoane, Andorra e Reus, case dous quilómetros de periplo pisándolle os talóns ata que na confluencia da rúa Reus con Vázquez de Parga, foi detido por unha patrulla da Policía Local que realizaba labores de seguridade cidadá. Tras a súa identificación como A.M.G., resultou ser un mozo veciño da Coruña, pero a mercadoría xa non estaba no seu poder.
A historia repetiuse este venres pola mañá nunha tenda da mesma firma, pero neste caso situada no Parque Comercial e de Lecer A Revolta. Dous individuos, recoñecidos cun amplo historial delituoso e residentes en Carballo, apropiáronse tamén de varias fragrancias e déronse á fuga, polo que foi requirida a presenza da as autoridades para tratar de dar co seu paradoiro.