Basilio Fraga Suárez, era unha persoa moi coñecida en Berdillo, onde nacera hai 79 anos, pero tamén en Carballo, onde traballou e viviu case toda a súa vida na rúa do Sol, tamén en Razo, onde tiña a súa segunda residencia.
Foi un dos fundadores dos bombeiros voluntarios e axente comercial dunha coñecida firma de café. Ademais a principios da década dos 90 formou parte dun grupo de persoas que apoiaron a candidatura de Manuel Varela Rey á alcaldía de Carballo baixo as siglas IxC (Independentes por Carballo), que máis tarde pasaría a integrarse no Partido Popular.
Basilio, como era popularmente coñecido, foi elixido concelleiro dese grupo sendo máis dunha década o delegado de Protección Civil, Tráfico e Seguridade Cidadá. O Concello de Carballo emitiu un comunicado expresando o seu «pesar pola morte do ex concelleiro Basilio, enviando un afectuoso e sincero abrazo á súa familia nestes momentos tan tristes».

