Pesar pola morte de Juan Otero | Orquestra Juan Mallo | Director do CMUS de Carballo


Este domingo 26 de setembro foi un día triste para o mundo da música, faleceu o director do Conservatorio Profesional de Música de Carballo (CMUS), Juan Otero, persoa moi coñecida tamén por ser o propietario da Orquestra Juan Mallo, fundada polo seu tío Antonio en 1930. Amigos, compañeiros de profesión e tamén o Concello de Carballo, mostraron o seu pesar e o apoio a súa familia por tan irremediable perda. “Compartimos con vós a triste nova do pasamento de Juan José Otero Pérez, director do Conservatorio Profesional de Música de Carballo, ao que estaba ligado dende o ano 2002. Dende aquí, aínda consternados, queremos enviar unha forte aperta a familiares, amizades e alumnado. Este luns estaba prevista a apertura do curso no CMUS, que, como é lóxico, queda adiada. Amigo Juan, que a música te acompañe sempre”, emotiva mensaxe que compartiu o Concello de Carballo nas súas redes sociais.

A orquestra Mallo foi fundada na cidade da Coruña no ano 1930 polo acordeonista Galego Antonio Mallo. É unha das orquestras máis antigas de Galicia e funciona desde os anos 30, ininterrompida unicamente pola guerra civil española. Desde que Antonio Mallo a fundou, o signo de identificación da orquestra foi o acordeón, seguido despois na década dos 70 polo seu irmán, o acordeonista Daniel Mallo. Actualmente a orquestra Mallo segue coas súas actuacións tocando temas orixinais dos tres irmáns, facendo festa adaptada a todo o público, pero sen deixar de lado as antigas tradicións acordeonísticas da nosa cultura e da familia Mallo que data do século XIX. Guiado sempre polo sucesor da tradición da familia Mallo, o sobriño do fundador, o músico Juan Mallo, ao que agora tristemente despedimos.DEP.