Piden imputar un delito de asasinato aos catro investigados polo crime de Samuel Luiz


Representantes da Fiscalía e das acusacións particulares e popular polo caso de Samuel Luiz pediron este xoves imputar un delito de asasinato aos catro investigados maiores de idade polo crime ao mozo de 24 anos que foi vítima dunha malleira mortal na Coruña o pasado mes de xullo. Con todo, segundo ratificou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a xuíza pronunciarase nos próximos días sobre as dilixencias solicitadas polas partes. A acusación popular é exercida pola asociación LGTBI Alas Coruña, mentres que as acusacións particulares compóñenas a familia da vítima e o senegalés Ibrahima Diack, que tentou protexer a Samuel Luiz e tamén resultou agredido; aínda que para o seu caso é probable que se abra un procedemento distinto.