Piden máis seguridade viaria na recta da Anchoa, en Fisterra, tras a morte dun peón

Comunicado íntegro remitido pola Asociación Anchoa:

«A Asociación Anchoa foi formada no ano 1989 con diferentes fins, culturais e sociais, un deles o de loitar pola seguridade viaria na recta e o benestar dos nosos veciños. Nos últimos anos, o noso barrio sufriu un gran cambio coa chegada dunha edificación masiva.

A poboación da nosa recta cada ano é maior, especialmente durante a tempada estival. Os edificios fantasmais cobran vida nos meses de verán, sendo moitos deles segundas residencias ou pisos de aluguer turístico. O noso pobo, Fisterra, cada ano recibe máis visitantes e a nosa veciñanza tamén se ve afectado xa que é a porta principal de entrada ó Fin da Terra.

Contamos con varios servizos de hostalería, supermercado, panadería e farmacia pero non temos o máis importante, a urbanización axeitada da zona.  Coa chegada da Semana Santa e as épocas vacacionais, non fai falla pasar moito tempo na ventá para ver que o tráfico é continuo, só para pola noite cando a xente descansa.

Iso tradúcese en que os veciños temos que estar, moitas veces, ate 15 minutos esperando a que haxa un oco entre coche e coche para poder cruzar a estrada. Polo momento, nós aínda somos algo áxiles e podemos facelo máis ou menos rápido, pero os nosos nenos e maiores arriscan a vida cada vez que precisan acudir a algún dos servizos do barrio ou visitar a algún parente ou veciño.

Cada 4 anos, a Anchoa recibe unha boa cantidade de promesas electorais de melloras con beirarrúas, pasos de peóns, carril bici, parques, etc. Promesas que quedan en fume. Máis de nada nos sirve tanto benestar se ao final non temos o máis importante, tranquilidade e seguridade viaria.

Somos conscientes de que non toda a culpa é do concello, xa que a estrada pertence á Xunta. Fai 4 anos o edil de seguridade viaria solicitou e acompañounos a unha reunión que mantivemos Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para tratar este tema. A contestación deste organismo foi que para poñer os pasos de peóns a recta ten que estar considerada como un tramo urbano, o límite da velocidade ten estar a 50km/h (actualmente é de 70km/h, límite que apenas se cumpre) e é preciso poñer beirarrúas.

A pelota dende logo non está no noso tellado, estamos seguros de que si fose desta maneira teríamos o asunto máis que arranxado.  Somos unha asociación cultural, á que tamén lle gusta loitar polo cambio climático. O que non nos gusta é ter que coller o coche para cruzar á estrada, xa que moitas veces é a mellor forma de facelo. Parece que se respecta máis deixar pasar a un coche que a unha persoa.

O accidente deste 4 de xuño súmase a outros moitos anteriores, e desgrazadamente nesta ocasión temos que lamentar unha vítima mortal, feito tremendamente doloroso, que nos parece que podería terse evitado se a seguridade na recta fora a axeitada.  E ó peor é que se esto non cambia sabemos que non vai ser a última.

Queremos saír da casa e non ter medo polos nosos nenos e maiores, proporcionarlles un lugar seguro por onde poder cruzar a estrada. Doe escoitar os maiores dicir “vou morrer e aquí aínda non cambiou nada”. A maioría deles xa non se atreven a saír da casa por medo á rapidez coa que pasan os coches, xa que non teñen un lugar seguro por onde poder pasear ou ir a visitar ós veciños.

Nas últimas semanas, en cidades como A Coruña pintaron uns macro pasos de peóns. ¿Non lle sobraría un pouquiño de pintura que poidan destinar ó noso barrio?

As nosas ganas de loitar non se van a apagar nunca ata lograr o noso obxectivo, de feito para este martes 6 de xuño temos convocada unha concentración ás 12.00 h no mesmo lugar do atropelo como mostra solidaria coa familia da vítima, e ao mesmo tempo solicitar melloras na seguridade viaria da recta. Estamos cansos de que a nosa veciñanza non poida saír a rúa tranquila e solicitamos que se dé prioridade as nosas preocupacións e se busque un xeito de regular esta situación. Non poden pecharnos as portas e decirnos que non temos dereito á seguridade porque a zona non está considerada urbana, e mentres tanto, CANTAS MAIS VITIMAS TEREMOS QUE LAMENTAR ANTE A PASIVIDADE DA XUNTA E OUTROS ORGANISMOS IMPLICADOS?.

Asinado: Asociación Cultural Anchoa

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha