Piden que se investigue a aparición de felinos mortos nas derradeiras semanas en Camariñas

1 minutes read
Foto_Guardia Civil._Arquivo.

Ante a continua aparición de felinos mortos durante as derradeiras semanas, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, púxose en contacto cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado co obxectivo de coordinar un dispositivo que permita esclarecer o sucedido, reforzar a vixilancia e localizar os responsables destes feitos.

Desde o Concello afirman que están a seguir esta situación con máxima preocupación e trasladouse ás autoridades a necesidade de actuar con rapidez e contundencia. Traballarase de maneira coordinada para recompilar toda a información necesaria e poñer á disposición da Xustiza a quen resulte responsable.

Así mesmo, fan un chamamento á cidadanía para que, ante calquera información que poida contribuír a esclarecer estes feitos, a comunique tanto ao Concello de Camariñas como ás autoridades competentes.