A Unidade de Investigación de Incendios Forestais – UIFO da Consellería do Medio Rural pillou in fraganti unha muller no concello de Amoeiro cando se desprazaba polo monte con pastillas de acendido e un chisqueiro presuntamente en tentativa de provocar un incendio forestal.
Así, os axentes da UIFO estableceran dende hai varios días un operativo de vixilancia na parroquia de Trasalba ao detectar a existencia de actividade incendiaria. Ademais, atoparon artefactos incendiarios e pastillas de acendido nos sete lumes rexistrados na zona dende o pasado 13 de agosto, coa colaboración do persoal do Distrito Forestal XII (Miño-Arnoia). Grazas á rápida actuación do Servizo de prevención e extinción de incendios, a superficie afectada entre os sete lumes non chegou a unha hectárea.
A investigación estase a realizar conxuntamente con axentes da Policía Autonómica da xefatura de Ourense e a presunta autora destes lumes púxose a disposición xudicial en calidade de investigada.