O actual contrato finaliza o 12 de agosto e a intención do goberno local é que unha nova empresa se faga cargo durante un ano, polo menos, ata non sacar a licitación un contrato de máis duración, da xestión da piscina e o ximnasio despois de que a actual concesionaria trasladase a súa intención de non continuar o servizo. A alcaldesa, María Barral, mantivo reunións cos traballadores e traballadoras da concesionaria para coñecer de primeira man a súa situación despois de que a propia empresa anunciase a súa intención de acceder a un preconcurso de acredores e a inquietude e preocupación, lóxica, que había entre todos os empregados da mesma.
A empresa reclamoulle ao Concello dúas indemnizacións, amparadas por lei, como consecuencia da afectación que tivo no servizo a pandemia durante 2020. Así, o Concello abooulle con base a este concepto arredor de 120.000 euros. Agora presentou outra reclamación que inclúe todo o ano 2021 de máis de 220.000 euros, unha reclamación que os servizos xurídicos e económicos do Concello están a estudar.