Pista polideportiva en Paiosaco e ampliación do punto limpo | Prioridades da Laracha en xaneiro

Concello da Laracha_GOOGLE MAPS

O Concello está a completar os procedementos de adquisición dos terreos necesarios para executar dous proxectos de interese xeral para a cidadanía larachesa.

Por unha parte, este xoves foi escriturada a nome do Concello da Laracha a parcela de 9.000 metros cadrados de superficie situada a carón do CEIP Alfredo Brañas que foi adquirida co obxecto de aumentar os equipamentos na vila de Paiosaco.

A primeira actuación será a construción dunha pista polideportiva descuberta que complementará os equipamentos existentes no entorno no que, ademais do colexio, están localizados o campo de fútbol municipal A Porta Santa e o centro sociocultural de Paiosaco. O proxecto está valorado en 157.000 euros. A pista ocupará soamente unha parte dos terreos adquiridos, quedando espazo dispoñible para, no futuro, continuar incorporando equipamentos dotacionais á vila.

Por outro lado, procedeuse ao levantamento das actas previas á ocupación dos terreos afectados polo proxecto de ampliación do punto limpo da Laracha. Trátase dunha única parcela catastral situada a carón das instalacións actuais e que suma unha superficie de 5.096 metros cadrados.

O proxecto que se executará sobre eses terreos contempla a súa urbanización para a creación dun novo espazo que complementará os servizos que se ofrecen nestes momentos, ademais de facilitar ao persoal as tarefas de recepción, separación, clasificación, almacenamento e control dos residuos para a súa posterior derivación ao xestor correspondente. Está prevista a construción de dúas marquesiñas cubertas (unha para o depósito de contedores e realización de labores de mantemento por parte do persoal das instalacións e, a outra, para contedores especiais), plataformas para incrementar a cantidade de contedores para os diferentes tipos de residuos, espazos de aparcamento de vehículos e áreas axardinadas. Tamén se inclúe a sinalización vertical e horizontal das diferentes zonas interiores (manobra, aparcamento, almacenamento de residuos, etc), así como actuacións dirixidas á recollida de augas pluviais. O proxecto está valorado en 250.000 euros.

O Concello, unha vez que xa é titular dos terreos necesarios, ten previsto sacar a licitación durante o próximo mes de xaneiro ambos proxectos, que suman un importe superior aos 400.000 euros, ao que hai que engadir os máis de 100.000 euros investidos na adquisición das parcelas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha