Pistacatro, Touriñán e Xampatito Pato, entre outros, protagonizan a segunda semana do FIOT

Pistacatro, Touriñán e Xampatito Pato, entre outros, protagonizan a segunda semana do Festival Internacional Outono de Teatro, que ofrecerá, de xoves a domingo, seis novas propostas escénicas. A Rúa dos Contos desta 34ª edición do FIOT continúa a súa andanza este xoves, 2 de outubro, ás 21.00 horas, no Casino 1889, co monólogo das narradoras orais galegas Atenea García e Vero Rilo Bailen as vellas. Os contos das cereixas, un espectáculo accesible en lingua de signos. Chegar e encher, de Bea Campos, e Zorras, da Cía. La Creída, son as outras dúas propostas que encherán de risas a Rúa dos Contos esta fin de semana, no Valle Inclán Café o venres, e no Mercado Municipal o sábado, respectivamente.

Xa o venres, 3 de outubro, un dos cómicos máis queridos polo público do FIOT, Xosé A. Touriñán, regresará ás táboas de Carballo co seu monólogo Aquí tou!, que poderá verse no Auditorio do Pazo da Cultura, ás 21.00h, trala cancelación por causas de forza maior da estrea de Territorio Regueifa, de Ainé Producións.

Tamén o venres, 3 de outubro, ás 19.30 horas, na Praza do Concello, Pistacatro animará o Teatro de Rúa do FIOT coa súa última creación, Sen patrón, a golpe de malabares, xogos imposibles e moito humor para todos os públicos. Finalmente, o domingo, 5 de outubro, contra ás 20.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura, o OTNI presentará a súa primeira proposta para este 2025: Compaña, de Xampatito Pato, unha pequena xoia que fusiona circo coa arte das marionetas e o teatro de obxecto nunha fermosa viaxe onírica.

Paralelamente, na Sala de Exposicións e no Andar -1 do Pazo da Cultura, o público pode visitar as mostras Zoom FIOT e Xesto, a instalación artística de Noelia Paz. As entradas para as propostas deste #FIOT34 poden adquirirse en liña na plataforma Ataquilla.com ou na billeteira dos espazos o mesmo día da función.

SOBRE OS ESEPCTÁCULOS DESTA SEGUNDA SEMANA DO #FIOT34

Bailen as vellas. Os contos das cereixas

XOVES 2 DE OUTUBRO, 21.00H I CASINO 1889

https://fiot.gal/programa/bailen-as-vellas-os-contos-das-cereixas

Hai contos que se resisten, coma as cereixas, que veñen da man, un detrás do outro, e saben a memoria viva. Botas os contos á boca, rir, emocionar, lembrar e resistir con retranca, poesía e música. Un lugar onde a tradición non é pasado, senón presente que latexa. As narradoras Atenea García e Vero Rilo chegan coas falas das que non calaron, das que bailaron, cantaron e fixeron da vida un conto en galego. Coa pandeireta na man, neste ano no que conmemoramos a ás cantareiras e a todo o legado da transmisión oral da man de mulleres traen á escena un espectáculo para poñer a palabra no centro, o idioma na boca e as mulleres na voz. Este espectáculo é accesible en lingua de signos grazas ao equipo mixto formado por Gema Santos (intérprete) e Ruth Lovera (asesora lingüística xorda).

Sen patrón

VENRES 3 DE OUTUBRO, 19.30H I PRAZA DO CONCELLO

https://fiot.gal/programa/sen-patron

No mundo dos malabares, todo segue un patrón, unha orde, un ciclo perfecto que garante que as bólas non caian, que as mazas tracen o seu camiño no aire e que os diábolos xiren sen fin. Pero, que pasa cando tres malabaristas queren levar a batuta ao mesmo tempo? Aquí non hai quen mande, só mans que compiten e obxectos que voan por riba das súas cabezas nun aparente caos divertido e fascinante. Tres cómicos que viven a vida como os malabares que controlan, facendo patróns, ciclos que se repiten ata complicarse sen sentido. Entre xogos de poder, equilibrios imposibles e moito humor, descubrirán que a verdadeira maxia non está en quen manda, senón en aprender a xogar xuntos. Pistacatro é unha compañía e produtora de circo referente en Galicia con vinte anos de traxectoria. Agrupa a numerosos artistas e é pioneira na creación, distribución e profesionalización das artes circenses en e desde Galicia, liderando a promoción do circo contemporáneo. Esta é a súa última obra.

Aquí tou!

VENRES 3 DE OUTUBRO, 21.00H I AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA

En Aquí tou!, Xosé A. Touriñán fai un percorrido pola súa vida, desde a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio. Sobre as táboa, revive momentos clave do seu camiño vital cos que, como galegos, todos nos sentimos identificados. Mesturando realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega, Touri lévanos da man cun monólogo no que conta e representa partes da súa vida, e da serie de boas e malas decisións que, xunto cos feitos casuais, levárono a ser quen hoxe é.

Chegar e encher

VENRES 3 DE OUTUBRO, 23.00H I VALLE INCLÁN CAFÉ

https://fiot.gal/programa/chegar-e-encher

Pasen e vexan: esta muller que está no centro do escenario era unha nena adorable que alegraba ás veciñas coa súa ledicia. Aos corenta anos, aquela criatura que o tiña todo para ser feliz, sube ao escenario para confesar que a cousa non foi tan sinxela. Porque si, ás veces unha toma decisións que a levan por camiños inesperados… e remata facendo rir nun cabaré con alma de monólogo.

Narración, improvisación e cabaré. Chegar e encher é un canto ao fracaso e un divertido e ácido monólogo teatral sobre a dificultade de encaixar nos roles de xénero marcados e a imposibilidade de controlar as nosas vidas.Este é o segundo monólogo para adultas de Bea Campos, actriz, narradora e presentadora. Dende moi nova, comezou a contar contos, realizou milleiros de actuacións e levou as súas historias ata o outro lado do mar, participando en festivais de artes escénicas en Latinoamérica.

Este espectáculo é accesible en lingua de signos grazas ao equipo mixto formado por Gema Santos (intérprete) e Ruth Lovera (asesora lingüística xorda).

Zorras

SÁBADO 4 DE OUTUBRO, 23.00H I MERCADO MUNICIPAL

https://fiot.gal/programa/zorras

Dúas mulleres de «40 e tantos» xúntanse para contar as súas propias historias, esas que pasan por relacións, amizades e momentos que marcan unha vida. Pero non se quedan só aí: poñen ao descuberto as semellanzas entre o comportamento humano e o mundo animal, cunha mestura divertida e irreverente. Bárbara Rodríguez, do Teatro del Cuervo, e Noemí Miranda, de Trivilorio Impro, veñen de mundos distintos —teatro de texto, improvisación e cabaré— pero comparten moitas experiencias vitais e moito humor neste espectáculo no que a improvisación, a música e a complicidade co público o transforman nunha festa. Un espectáculo cabareteiro, cómico, primitivo e moi instintivo.

Compaña

DOMINGO 5 DE OUTUBRO, 20.00H I AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA

https://fiot.gal/programa/compana

Un personaxe solitario, atrapado no seu propio universo, decide abrir as portas da imaxinación na procura de compañía. Criaturas inesperadas e sorprendentes obxectos cobrarán vida e acompañarán ao público por un poético camiño de emoción, sorpresas e risas.O circo fusiónase coa arte das marionetas e do teatro de obxectos, e este peculiar personaxe descubriranos como o invisible se volve tanxible e como o imposible se transforma nun xogo compartido de fermosas e máxicas imaxes. Detrás desta creación está Jesús Velasco Otero, artista multidisciplinar, malabarista e clown de gran destreza técnica e cunha ampla traxectoria en compañías galegas, nacionais e internacionais. Fascinaranos pola súa capacidade de trasladar ao escenario o seu mundo interior cun selo inconfundible de fraxilidade, creatividade, precisión e tenrura.

SOBRE A 34ª EDICIÓN DO FIOT DE CARBALLO

Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, regresará ás táboas para celebrar a súa 34ª edición con 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia, 2 coproducións e figuras imprescindibles da escena teatral contemporánea. Durante cinco semanas, o FIOT achegará a Galicia una coidada selección de propostas á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con propostas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, o Festival de Almagro, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona ou o Festival de Otoño de Madrid.

Así, o FIOT de Carballo encherá ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con pezas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Ainé, Quico Cadaval, Paula Quintas, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro.

Nesta 34ª edición, o FIOT volverase converter no «corazón do teatro en Galicia» da man das súas liñas de programación habituais, con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países –España, Bélxica, Arxentina– e 9 comunidades autónomas –Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco–, ademais dunha vintena de accións de mediación. 

No FIOT haberá Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc. 

Recoñecido como un proxecto pioneiro e clave da cultura en Galicia e unha cita referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico, no #FIOT34 non faltarán producións con selo galego que formarán parte fundamental do seu programa, da man de compañías e artistas tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé, Pistacatro, Paula Quintas Cía., Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez ou Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–. 

Cabe destacar que, fiel á súa vocación de apertura, con propostas transversais e inclusivas para o goce de todos os públicos, neste #FIOT34 moitas das grandes propostas están orientadas a todos os públicos, non exclusivamente adultos, como é o caso das marabillosas Matres ou Farra. Un ano máis, haberá espazo para o risco, os clásicos, os emerxentes, as novas linguaxes… e, en definitiva, unha invitación ao descubrimento.

«Raíz viva, memoria colectiva» é o leitmotiv dunha edición que busca poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade. Trátase dunha chamada á orixe: a aquilo que nos sostén por dentro, aínda que non se vexa. Como as entrañas do corpo, a raíz e a memoria forman parte desa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica.

SOBRE O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO (FIOT)

Máis de tres décadas creando teatro

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros. 

Related posts

O Exército de Israel interceptou na tarde deste mércores a Global Sumud Flotilla

Rematou con éxito a última das formacións incluídas no Programa Integrado de Emprego da Laracha

UCIN Galicia esixe á Xunta e ao Concello de Corcubión a activación inmediata do centro de día