Pistoletazo de saída ao San Xoán carballés


Carballo deu por iniciadas as festas de San Xoán ás 20:30 horas deste martes, as actuacións musicais de Sara Pose e Xairo Campos, así como o dúo de piano e saxofón integrado por Xavier Lemus e Patricia Camino acompañaron a case un centenar de persoas que se deron cita para a ocasión na segunda planta do mercado municipal. Abriu o acto o presidente da comisión de festas Serxio Varela, que se estreaba no cargo, agradecendo o traballo dos seus antecesores na presidencia. Un cargo que dixo representar con orgullo e ilusión, estrañando a normalidade que non nos deixa a pandemia e que “por responsabilidade” obriga a aprazar gran cantidade de actos, actuacións e actividades das que denominou como “non festas”.

Serxio Varela.

Acto seguido, a concelleira de Festas, Maruxa Suárez, dixo sentirse honrada de incorporarse a este equipo, estrañando o que non puido nin pode ser no ano 20 e 21, pero agardando que o 2022 sexan xa unhas festas plenamente normais “iso significará que despois de tantas batallas gañouse a guerra ao coronavirus”. Convidou a realizar os actos tradicionais, “participar no concurso de flores, adornar portas e xanelas para non deixar entrar os malos espíritos e saltar as cachelas para espantar o meigallo”. Haberá actuacións musicais localizadas e controladas, na Milagrosa, Chorís e Praza do Concello, por grupos 100% de Carballo. Será este un San Xoán tamén solidario, co comercio e a hostalería, con iniciativas como “a festa levámola dentro” ou “máis de carballo que o pan”. Este ano como nova iniciativa, o Concello iluminarase coas cores do arco da vella ata o día 28, día internacional do orgullo LGTBI, como símbolo da diversidade sexual.

Maruxa Suárez.

Para pechar o acto, o alcalde, Evencio Ferrero, animou á cidadanía para “ir buscando as mellores vestimentas para vivir estes días especiais para gozar da rúa cos nosos seres queridos e con toda a xente”. Encomiou ao colectivo de mozos que asumiron a responsabilidade de crear o cartel identificador das festas deste ano, así como de “varias postais que poñen en valor moitas cousas que nos identifican como pobo e que tanto nos gustan”. Evencio, terminou dando grazas tamén ás persoas que fixeron posible a programación destas festas, e tivo un recordo para todas as que non poden acompañarnos nestas datas.

Evencio Ferrero.
Programa.