Plan de actuación para mellorar o saneamento de Pontecesures


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, presentou o conxunto de actuacións deseñadas para axudar ao Concello nas súas competencias municipais de saneamento e depuración, para eliminar o 90% dos vertidos ao río Ulla cun investimento de 390.000 euros.

Augas de Galicia realizou un estudo da rede de saneamento municipal nas concas dos regos Chancelas e Carreiras co obxectivo de detectar os problemas actuais e definir as intervencións precisas para atallar os vertidos ao Ulla.

Este estudo permitiu localizar as zonas máis conflitivas da rede, inventariar a parte de conducións máis descoñecida, inspeccionar o seu estado e ter unha idea cuantitativa do caudal que poderían aportar á depuradora as conexións necesarias para evitar os vertidos co fin de verificar que a EDAR ten capacidade suficiente para o seu correcto tratamento.

Despois destes primeiros traballos, definiuse e activouse un plan de actuacións que recolle dúas intervencións prioritarias: unha primeira na zona de Carreiras para tratar de evitar os vertidos ao rego Carreiras e outra na zona da avenida dos Namorados e do Porto de Arriba.

Segundo se vaia dispoñendo dos documentos supervisados, licitaranse as obras, asinando un acordo co Concello para o financiamento, comprometéndose a Xunta a achegar o 80% do custo.