Plan de axuste económico de Milei | Máis de 300 medidas para Arxentina

1 minutes read

O presidente arxentino, Javier Milei, presentou máis de 300 medidas económicas para materializar o seu plan de axuste. Un anuncio que provocou nas rúas de Bos Aires a primeira gran protesta contra o novo inquilino da Casa Rosada. Xa avisara no seu discurso da toma de posesión: que non había alternativa ao axuste. «Non hai prata», dixera daquela.
Con esta máxima como bandeira, e unha semana despois de desvalorizar o peso arxentino, os axustes de Milei materialízanse agora nun megadecreto anunciado na televisión nacional con ata trescentas medidas, alcumadas de Necesidade e Urxencia. 

O plan de austeridade inclúe a derrogación da lei de alugueiros. Tamén se suprime a normativa que impide a privatización de empresas públicas. Poderanse facer operacións en dólares sen impedimento ningún. O decretazo tamén prevé a revogación da lei de abastecemento, que contempla sancións a empresas en casos de escaseza de determinados produtos, e a supresión da lei de góndolas, que obriga os supermercados a ofrecer un mínimo de produtos fabricados por pequenas empresas, entre outras moitas.