Os socialistas galegos deron a coñecer as liñas do seu «Plan Rexorde», no que fixan os eixes que deben marcar a xestión dos fondos europeos. O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, falou dunha Galicia «que ten que aproveitar esa oportunidade de fondos para conseguir un maior nivel de modernización, un maior emprendemento e a prioridade no emprego que é fundamental para a nosa xente e o noso país».
“O noso reto é mobilizar para Galicia no entorno de 20.000 millóns de euros de inversión pública e público-privada ata o ano 2027”, indicou Gonzalo Caballero, con base no documento coordinado por Fernández Leiceaga, que precisa que poderían mobilizarse entre 3.500 a 4.000 millóns de euros de inversión cada ano entre todas as administracións.
Gonzalo Caballero amosou a Feijóo a súa “man tendida” e chamou tamén a todas as forzas políticas e sociais a sumarse a un “gran acordo que nos faga saír desta crise con máis forza e unidos”. “Os fondos europeos son a enerxía para unha Galicia verde, dixital, cohesionada e igualitaria e non podemos desaproveitar esta oportunidade”, destacou.