Planificada unha ampliación do parque empresarial de Muimenta, en Cospeito

1 minutes read

Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha visita ao lugar. O parque empresarial de Muimenta, no concello de Cospeito, contará cunha ampliación de preto de 145.000 m2 distribuídos nun total de 54 novas parcelas. O parque de Muimenta, que leva en funcionamento desde o ano 1999, conta cunha superficie de 37.000 m2 distribuídos en 22 parcelas que xa están vendidas, polo que a falta de superficie dispoñible xustifica a ampliación do mesmo que se executará en tres fases. Na actualidade xa se están a impulsar as obras relativas á primeira fase, licitadas no mes de febreiro por 1,3 millóns de euros e que suporán a construción de 15 novas parcelas de entre 700 e 1.525 m2.

O contrato, que se prevé adxudicar en xuño, inclúe o proxecto de urbanización, a electrificación, o alumeado público e a definición dun novo acceso ao parque para ordenar os tráficos procedentes da estrada LU-120. Tamén se definirán zonas verdes, estruturas viarias e mobiliario urbano para integrar e humanizar esta zona.

O alcalde de Cospeito, Armando Castosa, subliñou a importancia da obra para Muimenta, para o concello e “para toda a comarca da Terra Chá”. “Esta ampliación esperamos que se encha pronto de empresas, de feito hai xa tres ou catro solicitudes, e o que vai traer é riqueza económica e creación de emprego”, asegurou, destacando á vez a importante actuación paisaxística prevista para dotar ao polígono “dunha gran zona verde”.