Pleno Carballo | Plan Especial Pedra do sal, tasas cemiterio e ampliación zona azul

Concello.

  • A corporación municipal tamén aprobou a concesión da medalla de ouro do Concello ao Bergantiños Fútbol Club.

O pleno ordinario de novembro comezou cun minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero e coa lectura da Declaración institucional do 25N.

O Bergantiños FC recibirá a medalla de ouro do Concello de Carballo coincidindo coa celebración do seu centenario. A proposta do grupo de goberno foi avalada non só polo resto da corporación municipal senón por 32 entidades deportivas, culturais, veciñais, empresariais e sociais do concello, que co seu apoio contribúen a poñer en valor o importante labor deportivo e social que vén realizando o club desde o ano 1923.

Tanto o alcalde, Evencio Ferrero, como os portavoces dos partidos da oposición, Mari Carmen Vila, do PSOE, e Rubén Lorenzo, do PP, amosaron o seu recoñecemento a un club que leva cen anos representando con orgullo ao concello e que ten demostrada a súa contribución ao dinamismo social e deportivo de Carballo. O acordo unánime da corporación foi ao mesmo tempo un recoñecemento ao deporte carballés no seu conxunto.

Plan especial de Pedra do Sal

A corporación municipal aprobou de xeito definitivo, neste caso coa abstención dos catro concelleiros e concelleiras do PP que asistiron á sesión, o plan especial de Pedra do Sal. O documento inclúe algúns cambios con respecto ao aprobado inicialmente, fundamentalmente debido a que foron aceptadas a maior parte das alegacións: 7 de forma total e 15 parcialmente, e só 4 foron rexeitadas.

Taxas do cemiterio municipal

Outro dos acordos adoptados, tamén coa abstención do PP foi a aprobación inicial da ordenanza que regula as taxas dos novos nichos do cemiterio municipal, que na ampliación que está a piques de rematar serán de 920 euros por nicho e 360 por columbario, unha vez actualizados os custos das obras.

Ampliación da zona azul

Por unanimidade saíu adiante a ampliación da zona azul, que contará con 14 novas prazas na avenida Ponte da Pedra. A medida responde a unha solicitude de comerciantes e veciñanza da zona, na que se están acometendo obras de reurbanización de varias rúas.

Outros asuntos

Tamén foron aceptadas as solicitudes de compatibilidade presentadas por tres docentes do Conservatorio Profesional de Música para poder compaxinar as clases en Carballo con outras localidades. Así mesmo, foi aprobada inicialmente a Ordenanza reguladora da administración electrónica do Concello de Carballo, que trata de mellorar a seguridade para previr posibles ciberataques como o sufrido meses atrás. A solicitude dunha subvención para mellorar a xestión do ciclo da auga e as iniciativas da oposición completaron a sesión.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha