Pleno en Camariñas coa creación da concellería de Limpeza e Ornato

1 minutes read

O Concello de Camariñas celebrou este martes un pleno extraordinario que serviu para delimitar definitivamente a estrutura e o funcionamento da nova corporación para a lexislatura que acaba de iniciarse. Como principal novidade con respecto ao anterior mandato destaca a creación da concellería de Limpeza e Ornato, unha clara aposta do goberno local a favor da conservación do patrimonio de Camariñas.   

Na sesión plenaria tamén se determinou o réxime de traballo dos concelleiros. Neste mandato, Camariñas mantén as dedicacións coas que comezou a pasada lexislatura a pesar de contar cun concelleiro máis e as mesmas que hai desde 2007. Así, desempeñaranse en réxime de dedicación exclusiva a Alcaldía; a Concellería de Urbanismo, Medio Ambiente e Emprego; e a de Cultura, Encaixe e Turismo. Por outra banda, a dedicación parcial será para a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade.   

O pleno tamén serviu para dar conta da organización do novo goberno local. A Alcaldía é de Sandra Insua, a Concellaría de Urbanismo, Medio Ambiente e Emprego será para Sergio Caamaño; de Cultura, Encaixe e Turismo para Encarna Liñeiro; a de Educación e Deporte para Fabián Canosa; a de Comercio para Lara Pasantes; a de Servizos Sociais e Igualdade para Begoña Tajes; e a de Limpeza e Ornato para Germán Camiño. Sergio Caamaño será o primeiro tenente de alcalde, seguido de Encarnación Liñeiro, Fabián Canosa e Lara Pasantes.   

Por último, entre outros asuntos, fixouse por unanimidade a periodicidade das sesións plenarias que se mantén con respecto ao anterior mandato, celebrándose os últimos venres dos meses impares ás 20 horas.  Ademais, o concelleiro do Partido Popular, Santiago Pose Parga, tomou posesión do seu cargo ao non poder asistir ao pleno de investidura.