Pleno en Carballo


A corporación municipal aprobou os convenios que regulan as condicións laborais do funcionariado.

As mocións de Terra Galega e o PP foron rexeitadas.

Os convenios que regulan as condicións de emprego do persoal funcionario e laboral suporán unha mellora nas condicións de traballo dos empregados municipais e a súa optimización, ao tempo que garantirán e potenciarán o bo funcionamento e a cobertura dos servizos a prestar. Eses documentos, tras as correccións e adecuacións propostas na Mesa de Negociación foron aprobados pola corporación municipal no pleno celebrado este luns 25. Todos os grupos votaron a favor agás TeGa, que se abstivo.

Mocións, rogos e preguntas:

A moción de TeGa sobre a accesibilidade a un edificio da rúa Blanco Amor foi rexeitada, xa que o grupo propoñente só contou co apoio do PP. Tampouco saíu adiante a iniciativa dos populares sobre a rúa San Xosé, na que non obtiveron o respaldo de ningún outro grupo.

O PSOE presentou un rogo para que o persoal da recollida de lixo coloque os colectores con máis coidado e preguntou sobre o saneamento de Río de Loenzo (Bértoa). O PP pediu que se arranxen unhas lousas da Praza do Concello e preguntou por cuestións coma a iniciativa “eu quero a Carballo”, a situación de varias rúas, pistas e parcelas ou os problemas provocados pola rotura dunha canalización na rúa Barcelona. TeGa solicitou o arranxo dunha beirarrúa na Ganduma (Berdillo) e dun vertido na estrada de Razo, e preguntou polos plans especiais do litoral, a praza de inspector de policía, a retirada dun poste en Sísamo ou a cesión aos empresarios do edificio municipal do polígono de Bértoa.