Pleno Xaneiro Carballo | Adxudicado a Aspaber o servizo de limpeza viaria

3 minutes read

A corporación municipal aprobou este luns a adxudicación do servizo de limpeza viaria a Aspaber por un importe anual de 555.865,57 euros e un prazo de dez anos. Precisamente, dado que o importe total do contrato supera os cinco millóns de euros, o acordo tivo que ser adoptado en pleno. Todos os grupos votaron a favor, recoñecendo ademais a aposta do Concello de Carballo pola integración laboral das persoas con discapacidade a través dos contratos reservados a centros especiais de emprego.

Aspaber gañou o primeiro concurso no ano 2007. Carballo foi un concello pioneiro, e no ano 2020 así foi recoñecido por Cegasal, a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego, coa concesión do seu premio anual ao concello “pola súa aposta decidida pola economía social”, e un ano despois, no 2021, outorgaba un novo galardón ao alcalde, Evencio Ferrero, pola súa contribución persoal á integración laboral das persoas con discapacidade.

A corporación municipal tamén aprobou este luns, neste caso coa abstención dos cinco concelleiros do PP presentes na sesión, a listaxe de investimentos que se acometerán con cargo aos fondos do programa provincial POS+, todos eles na zona rural. “É certo que non están todas as obras necesarias, pero todas as que están son necesarias e ademais responden a peticións expresas dos consellos parroquiais”, apuntou o alcalde. A listaxe é a seguinte:

  • 2ª fase da construción de beirarrúas en Ardaña: 95.598,98 euros
  • Acondicionamento do campo da festa de Artes: 149.644,45 euros
  • Melloras na rede de abastecemento de auga na parroquia de Rus: 314.999,99 euros    

Plan complementario                                                        

  • Melloras na pavimentación na parroquia de Aldemunde: 212.535,74 euros
  • Pavimentación do rueiro do núcleo de Imende (Noicela): 434.808,04 euros
  • Ampliación da rede de saneamento en varias parroquias: 364.928,28 euros

No pleno, que durou 45 minutos, tamén se acordou por unanimidade a incoación de dous expedientes de investigación sobre un terreo e un camiño situados nas parroquias de Lema e Rebordelos, respectivamente, e coa abstención do PP decidiuse arquivar outros dous sobre a titularidade de dúas porcións de terreo situadas nunha vía de Xoane (Goiáns) e na rúa do Pan de Carballo.

No apartado de rogos e preguntas, o PP pediu a instalación de Wi-Fi nos centros sociais e a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, informou de que xa está contratada para nove locais e que a partir de aí estudarase seguir estendéndoa en función da viabilidade técnica.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?