O concelleiro da coalición Unidas Podemos Laxe, Fernando Del Moral Regaldie, emitiu un comunicado no que afirma que «fai un ano, Podemos Laxe enviou un escrito ó Delegado Territorial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor, ante o anuncio do investimento en marquesiñas de bus nos concellos da contorna, excluíndo a Laxe, ó mesmo tempo que se denunciaba o mal estado da meirande parte das mesmas, co perigo para os usuarios e usuarias, xa que moitas delas se encontran coas lúas rachadas e os elementos metálicos ferruchentos».
Dito escrito traduciuse na instalación dunha marquesiña nova no lugar de Aprazadoiro. Actualmente, a coalición Unidas Podemos, liderada polo concelleiro Fernando Del Moral Regaldie, vén de enviar un novo escrito ó señor Trenor denunciando novamente a marxinación á que se somete a Laxe, xa que «a Xunta acaba de anunciar un investimento de 1´9 millóns de euros en 64 paradas de autobús e ningunha en Laxe».
«Non nos importa se é debido á inacción do equipo municipal ou se é responsabilidade dun mal reparto dos investimentos por parte da Xunta, pero dende a nosa coalición esiximos que a seguridade das persoas que empregan ditas paradas, a maior parte nenos e nenas, sexa tida en conta e corrixan semellante agravio contra a nosa veciñanza», conclúe Fernando Del Moral.