Podemos Laxe denuncia ante Patrimonio Natural as obras de acceso á capela de Santa Rosa

1 minutes read

A coalición Unidas Podemos Laxe, encabezada por Fernando Del Moral Regaldie, mostrou o rexeitamento ás obras de acceso á contorna da capela de Santa Rosa. No escrito dirixido á institución competente, pertencente á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, expón que “unha parte das obras executadas segundo o proxecto aprobado polo concello, están dentro do espazo protexido Rede Natura 2000. Parte das pistas de acceso abertas non constan no proxecto […] de decembro de 2018 e modificado en maio de 2019, onde se ignora a necesidade de avaliación de impacto ambiental”. Queremos subliñar que o proxecto orixinal é do anterior mandato e executado polo actual.

No escrito engádese que “o tramo peonil, non proxectado inicialmente, é innecesario” e a maiores o resultado de “estas obras poden crear máis problemas que beneficios, porque incitará ó acceso en vehículos atravesando calexas empinadas de non máis de tres metros de ancho sen ningún tipo de ordenamento da circulación. Non ten sentido urbanizar un espazo solitario, lonxe do núcleo urbano que só incrementa o número de visitantes dous días ó ano”. Por todo esto, a coalición solicita a intervención dos organismos competentes para supervisar a mencionada obra.