Unidas Podemos Laxe denuncia o que califica de «incompetencia manifesta do Alcalde de Laxe e o seu grupo de goberno do PP en materia de ordenación de tráfico rodado nas vías urbanas, o que segue a provocar infinidade de atascos, caos circulatorio e inseguridade vial tanto para a veciñanza como para as persoas que nos visitaron nesta Semana Santa».
Segundo informan, déronse situacións de tapóns nas vías pola deficiente ou ausente sinalización de sentidos de circulación, estacionamentos enriba das beirarrúas, en dobre fila, tamén diante de vaos e en liñas amarelas; vehículos obstruíndo os accesos a persoas con mobilidade reducida, etc. En definitiva, un caos circulatorio e de estacionamento que se estendeu tanto polas vías principais coma polas estreitas calexas do interior do casco urbano.
Dende a formación de Podemos inciden en que os camións de servizo á hostalaría e ao comercio, de reparto de butano e do pan, de recollida de lixo e entrega de paquetaría teñen moi complicado facer o seu traballo ser ocasionar maior trastorno. Así mesmo, á Policía Local fáiselle imposible ordenar o tráfico sen unha planificación anticipada, e as solucións improvisadas son de moi difícil control. «Non se pode facer recaer a responsabilidade nuns axentes que se ven desbordados ano tras ano pola incompetencia dos e das responsables políticas».
Segundo o candidato da formación morada, Fernando Del Moral Regaldie “o incumprimento do programa electoral do Partido Popular de reorganizar o tráfico rodado no núcleo urbano, lévanos a pensar na súa incapacidade política para xestionar os intereses dos veciños e veciñas de Laxe”.
Desde Unidas Podemos «propoñeremos no futuro goberno municipal a ampliación do cadro de persoal de Policía Local, a redacción dun Plan integral de mobilidade que optimice as zonas de aparcamento existentes e expanda novas con carácter disuasorio en lugar de opcional, que ordene o tráfico rodado no casco urbano, habilite espazos para autocaravanas, que facilite e asegure os traballos de carga e descarga e recupere para a cidadanía os espazos roubados polos coches», conclúen.