O Círculo de Podemos Laxe rexistrou dous escritos no Concello. No primeiro apunta haber recibido varias queixas polo estado ruinoso do edificio que se encontra na praza de Oriente de Laxe, cuxa fachada da rúa Cantón, estiman que debe ser valorada polos técnicos municipais e salientan que se trata posiblemente dun dos edificios máis antigos da vila. Por elo emprazan ás autoridades a tomar cartas no asunto xa que o risco de derrubamento é evidente.
Noutro orden de cousas, tamén se refiren ós petróglifos existentes na contorna dos Penedos de Traba, coñecidos como Pedra Xestosa. Afirman que as circunstancias dos mesmos son de nula información turística ó respecto no lugar, a maiores de que non existe indicador algún, así como os accesos tanto por estrada, nun estado lamentable, como a senda que leva a eles, que conta co permiso dos propietarios para acondicionala.
Conclúen afirmando dende Podemos Laxe que esperan que a partir do 28 de maio a vila teña un goberno que se preocupe do patrimonio arquitectónico e etnográfico, tanto no centro urbano como nas súas aldeas.