Podemos Laxe insta ao Concello a aproveitar as subvencións do INEGA

1 minutes read

A candidatura de Unidas Podemos en Laxe considera que as subvencións que o INEGA acaba de publicar supoñen unha moi boa oportunidade para as entidades locais. Por este motivo instan ao Concello a aproveitalas e iniciar a solicitude da axuda para contratar asistencia xurídica e técnica para a mellora da planificación enerxética e contratación das subministracións enerxéticas das entidades locais. O prazo de presentación das solicitudes comeza o 28 de marzo de 2023 ás 9.00 horas e rematará o 15 de xuño de 2023.

“Laxe debe aproveitar cada oportunidade para avanzar na eficiencia enerxética é avanzar en aforro para a veciñanza, e instamos ao Concello a dar o primeiro paso solicitando as subvencións do INEGA para a mellora da planificación enerxética e contratación das subministracións enerxéticas das entidades locais”, afirman. 

“Valoramos positivamente que tamén se fale da posibilidade de agrupacións de Concellos para a compra de enerxía. É algo que deberá abordarse dende o punto de vista técnico, pero calquera iniciativa que vaia na liña de fomentar a colaboración e o aforro son benvidas. Nese senso, recordamos as dificultades derivadas pola suba da enerxía durante os últimos meses e o custe que isto supón para as arcas locais”, conclúen.

Por outra banda, cren dende Podemos que o Concello debe ser facilitador da creación de comunidades enerxéticas en Laxe. A formación pon o foco no descoñecemento e dificultade de acceso da poboación ás subvencións, polo que demandan a creación dunha oficina municipal para a transición enerxética co fin de acompañar á veciñanza na solicitude das axudas, incluíndo as de rehabilitación enerxética, e que a oportunidade de aforro e benestar estea ao alcance de todas as persoas.