Podio para Darío Calviño no Autocross Arteixo


A Catedral, o circuíto José Ramón Losada de Arteixo, volvía depararnos esta pasada fin de semana dúas xornadas de carreiras espectaculares na quinta proba do Campionato de España de Autocross onde, como é lóxico, había unha ampla representación de pilotos por parte de Yacar Racing.

Darío Calviño sería o único que conseguía un bo resultado finalizando na terceira praza na final A de Car Cross, onde chegou a rodar segundo seguido por Javier Ramilo ‘Kobas’, que tras un pequeno erro vía como se lle apagaba o motor e non volvería arrincar. ‘Kobas’ gañara as súas tres mangas clasificatorias mentres Calviño vencía en dúas, ambos con Yacarcross como Daniel Remuiñán, que quedaba a unha soa posición de acceder directamente á final A, polo que tivo que entrar desde a B na que concluíu terceiro sendo finalmente duodécimo. Non tivo sorte Iván Muñiz, que nas clasificatorias rompía o motor.

En División 1 foi Perfecto Calviño uno dos protagonistas logrando a pole na cualificación e gañando as súas tres mangas clasificatorias. Con todo na final íase contra o noiro nada máis comezar a carreira e danaba un pneumático, polo que tiña que abandonar ao mesmo tempo que Sandra García efectuaba unha feroz remontada, terminando terceira tras Tomás Aranda, pero unha penalización posterior aplicada polos comisarios deportivos deixaba a Rodrigo Aranda na terceira posición, polo que pai e fillo compartían o podio ante o enfado de Sandra, que non considerou xusta a sanción. Tamén nesta categoría participaba Christine Giampaoli, que na súa segunda tentativa por competir co Citroën DS3 rompía o motor na xornada do sábado.

Sendo a marca con maior representación con dez Yacarcross, en Car Cros Promoción eran seis os pilotos que accedían á final A, con Roberto de Miguel e Pablo López na quinta e sexta praza respectivamente mentres Eros Ceballos concluía décimo. Mario Burgueño tivo problemas coa mecánica o sábado, pero lograba recuperarse o domingo para clasificarse gañando a final B seguido por Ezenarro e Ceballos, aínda que tamén tería que abandonar na A do mesmo xeito que Rubén Barreiro, que chegou a rodar cuarto e con opción de podio, e que Gorka Ezenarro. Iván Couto e Carlos González, que debutaron na pasada proba de Carballo, así como Diego Pandelo e ‘Fredy’ Rodríguez, quedaban na final B.