Carballo celebra o Día de Rosalía cunha ilustración de Mon Lendoiro, música e poesía

1 minutes read
  • Os actos desenvolveranse o vindeiro mércores 23, verdadeiro día do nacemento da autora galega

O Día de Rosalía celebrarase este ano o 23 de febreiro tras o cambio de data producido a raíz da investigación realizada por Sagrario Abelleira, quen descubriu o verdadeiro día do nacemento da escritora galega. O Concello de Carballo decidiu sumarse a esta conmemoración a través dun programa de actividades deseñado dende a Concellaría de Normalización Lingüistica e aberto á participación de toda a veciñanza.

O propio día 23, a partir das 20:30 horas, o lateral das antigas escolas do xardín, na rúa Coruña, servirá de soporte a unha ilustración da autora de Follas Novas creada polo artista carballés Mon Lendoiro e que se converterá, tal como indica a concelleira Maruxa Suárez, na «imaxe da poeta que utilizará o Concello de Carballo» a partir de agora. O debuxo tamén estará plasmado nunha chapa que se repartirá entre todas as persoas asistentes ao acto e tamén nas bibliotecas.

A programación complétase coa actuación de Quercus Blues que, por primeira vez, interpretará varios temas con poemas de Rosalía de Castro preparados para a ocasión.

No caso de que chova, o acto trasladarase á planta alta do Mercado Municipal. Ademais, haberá unha lectura pública de textos de Rosalía de Castro, para o que o Concello poñerá a disposición dos interesados varios libros da autora. Quen queira inscribirse, aínda que non é necesario, pode facelo enviando unha mensaxe de Whatsapp ao 604 072 887.