Polémica pola cancelación de El Combo Dominicano en Cee

Actuación do grupo_El Combo Dominicano Fotos

  • Este martes o Concello emitía un comunicado no que «non consta autorización/licenza» que habilite dito espectáculo

A posible actuación de El Combo Dominicano na vila de Cee durante o próximo venres, 3 de decembro, volveu a levantar os ánimos da xuventude da comarca. Sen embargo, este martes emitiuse un comunicado desde a Alcaldía no que se explicaba que «non consta a día de hoxe (23/11/2021) neste Concello, autorización/licenza/toma de razón que habilite dito espectáculo».

O cartel da actuación, organizado por LB Producciones -que xa realizou as festas da Pilarica de Ponteceso- e o axente de espectáculos, Luis Abelleira, comezou a difundirse rapidamente polas redes sociais hai máis dunha semana e no mesmo saía como colaborador o propio Concello.

Este evento ía realizarse na céntrica Praza 8 de Marzo a partir das 20:30 horas, con aforo limitado e con máis grupos musicais como La Bamba ou a discoteca móbil CDC. As entradas puxéranse á venda na web woutick.es pouco despois de anunciar a actuación, se ben horas máis tarde xa non era posible adquirilas. Isto comezou a poñer en dúbida a realización do espectáculo pero este martes ao mediodía volveron a estar dispoñibles. Agora, coa cancelación do evento por «motivos alleos á organización» -así o destaca o punto de venda a través de varios mails enviados aos compradores-, as persoas que adquiriron as entradas deberán solicitar o seu reembolso.

«Eu xa me fixera ilusións» foi unha das frases máis repetidas nos grupos de whatsapp de xente do municipio ceense, unida ás críticas e reclamacións no Facebook municipal como «Non sei que pasa no Concello de Cee co ocio nocturno» ou «Os meus fillos teñen que salir a Santa Comba porque en Cee non hai alegría». Un dos comentarios que máis apoio tivo foi o dunha muller que lembrou que a vila de Cee foi «anos atrás un referente de ocio» aínda que «pouco a pouco fosen acabando con el dende a alcaldía».

Hai máis de dez anos Cee era o equivalente a Santa Comba ou Ponteceso para a xente da comarca de Fisterra, cunha rúa chea de pubs e mesmo unha gran discoteca. Tras a prohibición do botellón no aparcadoiro do mercado municipal no ano 2012, a «marcha» foi diminuíndo ata hoxe, onde na actualidade non ofertas de ocio nocturno.