O mundo árabe condena a visita do ministro de Seguridade Nacional israelí Ben Gvir á emblemática Explanada das Mesquitas. A aparición este martes do ministro no Monte do Templo—así coñecido polos xudeus— desatou unha infinidade de condenas desde o mundo árabe, que tachou o sucedido de «provocación, inaceptable e moi perigosa».
Este martes, e través da súa conta de Twitter, o propio Ben Gvir prendía a mecha do que agora mesmo é todo un incendio.
«O Goberno israelí do que son membro non se renderá ante unha despreciable organización asasina», escribía o ministro en referencia a Hamás. «O Monte do Templo está aberto a todos, e se Hamás pensa que ameazándome me disuadirá, debería entender que os tempos cambiaron. Hai un Goberno en Xerusalén».
A Explanada das Mesquitas é sacra tanto para musulmáns como para xudeus, pero segundo o statu quo vixente desde 1967 —ano en que Israel ocupa a parte este de Xerusalén onde se sitúa a chaira— o recinto está reservado exclusivamente ao culto de musulmáns, mentres que os xudeus só poden entrar como visitantes, xa que as leis xudías prohiben aos seus fieis orar no lugar máis sacro para a súa relixión, algo reservado só a algúns rabinos. Por iso, o rezo xudeu practícase no Muro dos Lamentos—situado nun dos laterais da explanada— e así o aconsella o Gran Rabinato de Israel, aínda que nos últimos anos algúns rabinos aliñados co movemento do sionismo relixioso —no que se enmarca Ben Gvir— cambiaron esa recomendación e avogan rezar alí.
A polémica visita de Ben Gvir supón un duro golpe á sempre tensa relación entre ambos os bandos, ata o punto que Palestina acusa xa o Goberno de Benjamín Netanyahu de cruzar «unha liña vermella» que, aseguran, «traerá consecuencias».