Política Social abre a inscrición para o plan de formación dixital do voluntariado


A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado vén de abrir a inscrición para o seu Plan de formación para as persoas voluntarias de Galicia coa finalidade de ofrecer opcións de formación dixital en materia de voluntariado no último trimestre deste ano. As persoas interesadas poderán solicitar unha praza no campus en liña da páxina web de Voluntariado, cuxo prazo permanecerá aberto ata cubrir as prazas ofertadas.

Esta proposta formativa está integrada por 6 cursos en liña que ofrecen un total de 630 prazas e que están orientados á formación específica en materia de voluntariado nas seguintes áreas: nocións básicas de voluntariado, competencias en materia de voluntariado, lingua de signos, formación en igualdade para prevención e afrontamento da violencia de xénero, voluntariado ambiental e voluntariado dende os centros educativos.

O plan de formación está dirixido a persoas maiores de 16 anos que teñan interese en obter coñecementos especializados en materia de acción voluntaria. Cada solicitante poderá inscribirse nun máximo de dous cursos.