Política Social asina un convenio con Cruz Vermella de apoio ás persoas sen fogar

Foto.- Moncho fuentes.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a presidenta de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, asinaron un convenio polo o que o Goberno galego destina 170.000 euros ao acompañamento e apoio ás persoas sen fogar. O acordo busca dar cobertura a un colectivo que, segundo apuntou a conselleira, “precisa máis ca nunca do noso apoio”.

Fabiola García sinalou que esta iniciativa permitirá darlle información ás persoas en situación de rúa sobre os servizos e axudas ás que poden acceder, apoio psicolóxico, asesoramento legal e axuda no acceso á vivenda, entre outras cuestións.

A conselleira lembrou que este acompañamento integral se suma aos proxectos postos en marcha pola Xunta durante os últimos anos, como son o Plan de atención a persoas sen fogar ou a creación dos primeiros centros residenciais para a atención ás persoas en situación de rúa, que conta no centro de Padre Rubinos na Coruña con 11 prazas.