Política Social estuda vías de colaboración con Alar Galicia para a protección da infancia


O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, reuniuse coa entidade Alar Galicia dedicada aos servicios sociais, a inserción e a integración sociolaboral para estudar posibles liñas de colaboración dirixidas á protección dos menores e ás súas familias. Jacobo Rey aproveitou o encontro para poñer en valor o labor que este tipo de asociacións levan a cabo para mellorar o benestar e a calidade de vida dos mozos e mozas que máis o precisan, así como o dos seus familiares.

Un dos proxectos nos que a entidade colabora coa Consellería de Política Social é o programa de formación de menores que se está levando a cabo nalgúns dos centros xestionados pola Xunta de Galicia. O Proxecto Fénix, baseado na prevención da violencia machista e na intervención integral con menores agresores de violencia de xénero e que busca eliminar condutas de violencia e diminuír as probabilidades de reincidencia, estase desenvolvendo na actualidade nos Centros de Intervención Educativa en Medio Abierto (CIEMA) da Coruña, Vigo, Ourense e Pontevedra, así como no Santo Anxo de Lugo.